Imos ver… se saín de Compostela o martes e durmín tres noites aquí… hoxe debería de ser venres.
Mércores saín a buscar a praia. Enamoreime dos edificios modernistas repartidos pola cidade e das avenidas anchas e os edifícios baixos salpicados de prazas abertas e luminosas. Atopo a praia pero xa é algo tarde. Descubro un restaurante xaponés ó carón da praia.
Ó mediodía quedo con Olga e comemos alí. Despois disfrutamos da sobra dos piñeiros a poucos metros da area. Olga ten que marcha a abrir a tenda e eu quedo a seguir paseando. O ceo estáse poñendo plomizo.
A praia sorprendeume. A area parecía unha extensión seca do mar, case a ras coa auga. Area fina, que produce na planta dos pes a mesma sensación de agarimar a fariña de na artesa antes de empezar a amasar. Paseo pola veira da auga. O mar encharca o pantalón por riba dos xeonllos, pero iso non ten importancia. Gaivotas. Ó final caen unhas gotas de auga amablemente.
Visito a Miquel, da Can Pahissa. Pola mañá quedei namorado do edificio, sacado dun sono poblado por fadas e elfos. Está ocupado cunha alumna, “clases de ordenador” dime a muller que atende a cafetería. -”Agora estou ocupado, pero sacalle unhas fotos ó edificio”. Fágolle caso. É precioso. Maika explicarame máis tarde que é unha casa de indiano. Outro dia volverei a ver se coincido con Miquel.
Cenamos no turco, Olga, Maika, Chavi e eu. Risas e charla, bromas. Despoís á cama cedo. Hai que recuperar horas de descanso. Esa noite serán once as horas que durma.
Xoves érgome tarde e prepárome para a praia. O día é luminoso e caluroso. Non son o único que se levanta con ese ánimo pero na praia hai sitio máis que de sobras para todos. Algunhas mozas lucen peitos perfectos ó sol. Algunha señora tamén, o ciruxán plástico fixo un bo traballo. Confío a miña bolsa a unha parella e vou para as augas do Mediterraneo sen darlle máis rodeos. Nado e sumérxome ate quedar saciado. Logo déitome a disfrutar do mesmo Sol do que disfrutaría en calquera outro punto do planeta. Non podo evitar lembrarme dalguén que disfrutaría destas mesmas circunstancias e fago unha chamada, tumbado e cos ollos pechados polo Sol. Final abrupto na conversa. Quédome coas ganas. Algo máis tarde necesitarei escribir un correo para deixar sair as palabras frustradas.
Cando estou no ciber chega Olga para irmos comer. Paseamos en busca dun local que nos satisfaga e imos parar a outro xapones. Esta vez é de buffette libre. Come todo o que podas por 9€. Olga sorpréndeme unha vez máis inxerindo máis alimento do que teóricamente pode albergar o seu corpo miúdo.
Á tarde quedo na tenda mentres Olga fai a compra. Sorpréndome desenvolvéndome moito mellor do que agardaba. Ainda hai esperanza para min fora da nulidade absoluta. Nos momentos nos que non hai clientes cambio algunha cousa de sitio para axudar a dar forma á tenda e aplícolle primeiros auxílios ó sistema informático antes de que sexa devorado por algún virus vagamundo. Tamén teño o meu portátil. Quería traballar un pouco no proxecto do instituto, pero cando as cousas non están de si non hai forma. Vai ter que agardar a outro dia.
Cara a última hora Olga colle o relevo e Maika ven a pasearme polo casco histórico. Visitamos algún local con carácter e guíame para ver os sinais que axudan a ver a orixe medieval da cidade. Rematamos na sua casa. Unha sesión de masaxe para axudarlle a desfacerse dos nos que o traballo lle forma na espalda. Chavi chega e leva un susto de morte: ¡un home amasando na espalda da sua nai!. Paseamos os tres de regreso á tenda para recoller o ordenador e o coche.
Olga agarda na casa intranquila. As cousas non están a ser fáciles para ela nestes momentos. Como uns mexilóns mentras falo con ela. Rematamos o día cun tarot… e un pequeno rifirafe pola insistencia en seguir coas tiradas.
A noite é máis corta que a anterior, pero chega abondo. Hoxe é venres, decíamos. Xa son as dez e media e o día está anubrado e frio. Xa almorcei. Voume duchar e cambiar de roupa e achegareime ó ciber para subir estas verbas. Logo o día dirá qué é o que garda.