Non se pode negar que o intentan. Polo menos oficialmente consta que as administracións públicas deberían de estar a facer un esforzo por axeitar as súas páxinas web ós estándares e acadar que sexan ferramentas áxiles e útiles para a sociedade/cidadanía.
Esta mañá estiben intentando atopar algunha páxina relacionada coa Axencia Tributaria, a Xunta ou algun colexio profesional de graduados sociais que proporccionase algún sistema de sindicación. Non fun quen de atopar ningún (se cadra alguén me deixa algún enlace nun comentario).
¿E cal póde ser o motivo/motivos polos que entidades, supostamente ben in-formadas e asesoradas non emprega e proporciona unha tecnoloxía tan práctica e potente?. Posiblemente polos mesmos motivos que facían que ate fai pouco tempo a maioría das páxinas de entidades da administración só eran visitables cun único navegador de Internet (o navegador único, o navegador para atraelos a todos y atalos nas tebras), ou os mesmos motivos polos que a administración segue a gastar moitos (moitos, moitos) miles de euros en software pouco fiable e moi desconfiable.
A cuestión é que se as páxinas web son ferramentas para a cidadanía (administración electrónica, bla, bla, bla) e unha das principais funcións é a de ofrecer información e difundila, os feeds, a sindicación, o RSS ou calquera dos seus amigos, é unha ferramenta insuperable.
¿Imaxína, señor director xeral da consellería x, decenas de páxinas de decenas de xestorías, asesorías, etc. visitadas diariamente por centos de clientes destas asesorías, facendo de repetidor da información difundida na páxina da sua consellería?. E todo grátis e de xeito instantáneo. ¿Hai algo máis cómodo para os centos de persoas que precisan de ler os boletíns oficiais diariamente que poder ter un botonciño no seu escritorio no que recibir as novidades de xeito automático?.
Ainda por riba estaríanse xerando centos de enlaces en páxinas de Internet, camiños que conducen ós redenautas de xeito unívoco cara as páxinas web da administración.
A iso se lle chama difusión e achegamento.
Leave a Reply