A verdade é que todo o tema este de “Nunca Máis” e “Burla Negra” pasouseme un pouco como de esguello. Vivino desde fora, disfrutando das movilizacións masivas e da “resposta cidadá”. Da unión, que non deixa de ser un escaso e fremoso tesouro dificil de atopar na nosa terra -si, noutras terras tamén, pero eu vexo e vivo esta-.
Xa fai que non se oe falar nada destos temas. Algunha camiseta nos escaparates de “Lume Nunca Máis”, que entendo coma un negocio máis que coma un intento de movilizar ós paisanos para defender o terruño.
Pois agora resulta que se me inflamou a glandula da socialidade. Agora resulta que teño un exceso de dignidade que necesito invertir. Así que me poño a buscar e atopo pouca cousa: a web de Burla Negra segue esistindo, pero ten un certo ulido acre, como a pechado; a páxina da plataforma Nunca Mais está… na base de datos do google, pero se imos ó enxebre paxinas.com xa resulta imposible atopar a súa páxina, e en calquera caso abrila; Burla Negra tiña iniciada unha idea de rede social, Arredemo, para a promoción do movemento social e cultural do pais. A web está “en reformas”.
Están mortas estas iniciativas? E se é así, por que?.
Investigando e buscando artigos atrasados poida que parte do problema teña estado no emprego partidista detos movementos cidadáns por parte de diferentes grupos políticos. Se ve que a política ten tanta merda que envelena todo canto toca.
Por outra parte, se estos movementos son iniciativas cidadás, que naceron do sentimento común da necesidade de defensa -defensa do que sexa: da dignidade, dos recursos, da terra… das persoas-, se estas iniciativas naceron deste sentemento, digo, poda que teñan desaparecido coa desaparición do propio sentimento. Que pasa logo? Non vemos, como pobo, ningúnha amenaza á que nos enfrontar? Nada noso que precise ser defendido? Será que, finalmente, sí que mexan por nós e dicimos que son subvencións.
Non sei que pensar da natureza da aparición e esvaecemento de todas estas iniciativas. Pero sí teño claro que é necesario manter movilizada á cidadanía. Sí hai amenazas das que se defender e sí hai cousas que necesitan, que merecen a pena, de se defender.
Unha sociedade galega baseada na cultura de Galicia e na súa historia; unha industria que aprobeite e coide as riquezas e recursos de Galicia; unha educación que forme persoas capaces de vivir e construir Galicia, de defender Galicia; a vida que nace da nosa terra e os nosos mares, e que nos da o sustento e a saude e ledicia para o noso ollar; persoas valentes capaces de administrar os recursos da sociedade galega pasando por riva da inercia de mil xeracións de caciques, desde os castros ate agora, desfacendose de ideoloxías e intereses partidistas e mirando só cara o horizonte e á xente galega. Son cousas que merece a pena defender.
É necesario defenderse das sanguesugas que veñen desde fora a alimentarse dos nosos recursos, deixando só lixo e migallas e marchando para as súas casas cos petos e os bandullos ben cheos; dos políticos grises que se deixan arrastrar pola corrente do monstro burucrático; do político que vive no mundo dos papeis, e non na rúa; do político facedor de informes, xuntador de medaias, cortador de cintas, relator de discursos, sementador subvencióneiro de siléncios esfameados, mercador de cans febles ca mente alienada; dos homes e as mulleres galegas coa mente enveleñada, que non son quen de ver o mal que se fan cando esmagan ó veciño, cando esborrallan a terra, cando traicionan á hirmá; dos que agochan ós seus fillos a herdanza de verbas, sons e saberes que lles deixou o seu avo; do simple e iñorante que despreza a morte da terra, crendose por riba dos seres que o sustentan. Destas e de cantas outras cousas, é necesario gardarse.
Eu creo que necesitamos moitos Nuncas Maises, moitos Arredemos.
marzo 14th, 2007 at 3:33 pm
Boa reflexión. Só unha cousa. Seguimos aquí, conspirando na sombra, e se hai sorte e bo vento, non tardaremos en regresar. Por que o silencio deste tempo? Ti mesmo respondes. É difícil manter o facho aceso nunha terra como esta, e ás veces desaparecer (pararse a pensar) é a mellor maneira de seguir adiante.
Unha aperta dos que seguimos no barco