Composición inicial da escena prostibularia.
Non me quedaba eu tranquilo. E é que o tema da prostitución é complexo. Ten moitas partes implicadas. Moitas circunstancias diferentes. Por iso é necesario falalo con calma. Parte por parte.
Cando escribín o primeiro artigo tratábase de reaccionar ante unha postura exposta con demasiada sinxeleza. Un chamamento por parte do governo de Madrid anunciado de xeito que parecia invitar a rematar coa “publicidade” -co feito público- da prostitución. Esta primeira resposta, polo tanto, foi resultado da lei de acción e reacción.
Agora que xa satisfixen o meu instinto de contradición, pódome embarcar nunha discusión máis dixerida do tema este das putas -con todo o meu aprecio-.
Dicíamos que no tema interveñen múltiples partes. A máis inmediata é a prostituída. Digo a parte prostituída, non a muller prostituída. A parte prostituída adoita ser unha muller, pero pode ser un home, unha nena, un neno, mesmo un colectivo… e isto forma parte das múltiplas circunstancias das que falábamos anteriormente.
Outra parte implicada que parece evidente é a parte putera. A parte consumidora. A parte consumidora tamén pode ter múltiples circunstancias. Tamén poden ser homes ou mulleres, mesmo grupos; poden ser adultos ou menores; casados, solteiros, comprometidos, solitarios; poden ser cultos ou iñorantes; poden consumir directamente a prostitución ou de xeito indirecto: pornografía e espectáculos.
Pero é moi probable que teñamos, polo menos, outra parte máis implicada. A parte prostituínte -a parte prostituinte da primeira parte, algún dirá que non é cousa de broma, eu así o penso, pero e que dan ganas de rir, ou non sei de que, éntrame unha risa sádica e perversa-. É a parte que aníma a parte prostituida a que se prostitua. A anima, ou a forza, ou busca a forma de dificultar, de impedir, que deixe de prostituirse. Son os proxenetas. A parte prostituinte tamén pode ter circunstancias e naturezas diferentes. Poden ser individuos ou organizacións, alleos ou próximos á parte prostituída.
Poderíamos falar incluso doutro grupo, máis delicado en canto a difuso e espallado, pero coido que con importancia dabondo para terse en conta. É o grupo beneficiado pola prostitución, ainda que fora do grupo prostituínte directo. É o grupo que non pon impedimento ningún para que a parte prostituida deixe de estalo, nen anima de xeito directo a que ninguén se prostitua. Pero entra no negocio que se xenera da prostitucion e, polo tanto, inflúe de xeito moi importante na mesma. Podemos considerar a este grupo proxenetas indirectos.
Nesta obra tamén nos imos atopar con actores secundarios: as administracións, as forzas da orde, as parellas dos consumidores/consumidoras, as familias das prostitutas/prostitutos -prostiputos, dí o outro-, e esa masa informe que chamamos cidadanía.
É un escenario complicado, o que se presenta, tentarei analizalo e reflexionar sobre as diferentes partes, a ver se son quen de entender como é que fuciona este “servicio” tan demandado, no que nunca hai paro, pero que ninguén emprega.
Máis no próximo artigo.